A tortilla

tortilla IMG_2637

Hai cheiros de comidas da casa que quedan gravados na memoria coma unha foto.

Abrir a porta da casa, e cheirar esa tortilla de patacas, iso para min é unha experiencia mística.

A tortilla pode levar tantos acompañantes como queira, dende un marisco até unha leituga. Non che é esixente, funciona con todo, e con todos, que nunca atopei ninguén que non queira comela.

Miña nai contoume como se facía a tortilla de antes na casa. Normalmente era de patacas e cebola, botabas uns oviños, poucos se botaban, e facías unha tortilliña algo ligada nada máis. Ás veces facíala con rixóns, botábalos na frixideira a que soltasen, despois quitábalos, fritías as patacas na graxa, e despois botábaslle de novo os rixóns polo medio da tortilla.

Unha tortilla de patacas, algo tan común hoxe en día, e que tantas comidas soluciona ao longo do ano. Pois non sempre foi así, se agora sábeche tanto unha tortilla de patacas imaxínate antes.

Houbo tempos nos que facían as tortillas pola Pascua, daquela unha tortilla ou dúas en todo o ano se probaban. A xente tiña galiñas pero non eran como as de agora, andaban soltas como as nosas pero non poñían tanto. Non había moitas, cada casa tería unha media ducia delas. Facíalas na casa que non as comprabas. Criabas os pitiños, e despois viñan as galiñas novas. Os pitos levábalos á feira da Viña, o día 6 e mais o 24, que daquela non os comías aínda, vendíalos. E as casas ían tendo algúns ovos, pero poucos se comían. Había que vender para facer os cartiños, para traermos outras cousas para comer e mais para vestir.

Isto era no mellor dos casos, porque houbo outros tempos non tan remotos nos que tiñas que pagar a oblata e xuntar os ovos para entregarllos ao cura da parroquia.

Se miras no Catastro de Ensenada, aparecen os diezmos que as casas da parroquia tiñan que pagar á igrexa, ao cura párroco e a outros señores.

Séculos despois, non fai tanto, seguía pasando o mesmo co cura da parroquia. A xente ben o recorda. Cando había a confesión pola Coresma, despois do entroido en marzo ou así, viñan catro curas, que viñan confesar dous días á xente da parroquia. Antes da confesión, de cada casa había que levarlle ao cura a oblata, que consistía en dúas ducias de ovos por cada matrimonio que houbese na casa, e medio ferrado de maínzo ou un, dependendo da economía da casa. E con iso pagábanse os bautizos ou calquera outro papel que fixese falta pedirlle ao cura.

Dunha vez miña tía díxolle á súa irmá, se vas á feira do Día Tres, colle unha ducia de ovos para levarlle ao cura que non chegan os que hai!

E miña tía contestou, carallo para usted!, e vou comprar os ovos para o cura e pasei sen eles todo o ano. O demo me confunda se non llos hei levar eu. Lévollos eu.

Disque colleu as cinco ducias e mais un ferrado de maínzo, e que non se queixase que xa era dabondo. Entregoullo todo ao cura, e mentres ela falaba con unha señora, o cura contou os ovos. Cando chegou o momento de confesarse, o cura díxolle, aquí falta unha ducia de ovos.

Miña tía, mire, non os probei en todo o ano, e xa llos traerei cando poida.

O cura, hai que cumprir co precepto. Isto é un pecado moi grande.

Miña tía, o pecado é pasar sen eles.

Antes sempre se poñía diante na misa, e dende aquela á misa ía, pero quedaba atrás ao pé da porta.

Este costume da oblata acabouse porque os curas que viñeron novos, ao morrer os de antes, xa empezaron a cobrar diñeiro polas cousas, e daquela perdeuse o de levarlle os ovos. Foi a xente a que deixou de levar, primeiro uns e logo outros, deixárono de facer porque non quixeron pagar e mais levarlles.

Daquela comezou a xente a ter máis ovos na casa, e comezaron a comelos e a facer máis tortillas. Moitas persoas seguiron vendendo ducias de ovos caseiros, ofrecéndoos e regalándoos a familiares e coñecidos que vivían na Coruña ou en Ferrol e viñan nas fins de semana.

Para miña avoa os ovos eran un tesouro que ela ofrecía e repartía entre as sobriñas e afilladas cada vez que viñan visitala. Tiña moita fachenda deles, pois toda a xente llos chufaba.

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s