PROCESO

– Eu son historiador, acórdome de todo

– E deixáchelo escrito?

– Non.

– Pois daquela cando morras ti morrerá todo.

xente IMG_2957

Historias de Vilachá é un arquivo da memoria e cultura da parroquia de Vilachá.

Un proceso que arrancou no 2018, que consistiu en compilar historias e anécdotas contadas polas veciñas, agrupalas, e facer con elas unha web, un mapa online e un libro que se regalou ás persoas da parroquia que participaron e ás que acudiron ao acto de presentación.
A actividade do 2018 tivo un orzamento total de 9.454,03 € financiados integramente pola Asociación RuralC.
Nas entrevistas e visitas polas casas participaron 34 persoas. A media de tempo das visitas e entrevistas foi de catro horas por casa.
Visitamos persoas de diversas idades tendo especial atención ás máis maiores.
Ao acto de presentación acudiron unhas 60 persoas.

O noso traballo foi coller historias. Iamos polas casas e diciámoslles ás veciñas unhas collen a herba e outras as historias, para presentarlles o traballo que estabamos a facer.

Fomos visitando algunhas persoas dos diferentes lugares da parroquia, interrompendo o seu día a día na procura de historias. Axudamos nas labores que interrompemos e fomos ben acollidas en cada cociña que visitamos. Visitamos persoas de diversas idades tendo especial atención ás máis maiores.

IMG-20181027-WA0000

As visitas foron abrindo e confirmando fíos narrativos e as testemuñas recollidas serviron de fondo para irmos construíndo os diversos relatos. Moitas destas historias e vivencias son comúns, e foron contadas por diferentes persoas. A nosa misión foi agrupalas, darlles unha estrutura e achegarlles algo de enxeño. Na construción dos textos tratamos de manter a fala e as expresións da parroquia. As narracións están construídas como un relato común e compartido.

As historias trasládannos a diferentes pasados. Hai varios relatos que contan anécdotas de épocas moi antigas e recorren a documentación histórica como o Catastro de Ensenada. Moitos outros fálannos dos principios do século XX e das décadas dos 40, 50, 60, até chegar a actualidade. Acceder a estes pasados permítenos ter unha ollada temporal sobre o territorio e ter unha visión comparativa co presente.

O arquivo Historias de Vilachá é outro retrato social. Sitúa o patrimonio e a memoria dende as experiencias e emocións das persoas da parroquia, dende as diversas subxectividades cara unha subxectividade común. As historias que presentamos son soamente algunhas das que hai, son fragmentos das vidas, e probablemente están incompletas. Son relatos construídos entorno ao non catalogado, entorno ao patrimonio inmaterial que é o que lle imprime vida ao patrimonio material. Podemos atopar relatos sobre a cultura, o patrimonio etnográfico, antropolóxico e natural. Sobre o xeito de vivir da xente na parroquia antigamente, os hábitos, os oficios e os traballos, as crenzas, os animais e os cambios sociais e tecnolóxicos.

     Haiche máis historias que eucaliptos, díxonos alguén.

     Pero non hai quen as corte nin quen as pague, dixémoslle nós.

No 2019 o proceso continuó coa colleita de historias para a publicación do libro “Hai que andar” e cunha pesquisa histórica e antropolóxica, e desenvolveu diversas ACTIVIDADES entorno á publicación do 2018.

Pódese consultar toda a documentación seguindo os links desta web.

IMG_6934xWEB

Obxectivos

O obxectivo específico é crear un arquivo da memoria de Vilachá, documentando, dixitalizando e cartografiando o patrimonio material e inmaterial da parroquia e a súa veciñanza.

Os obxectivos xerais son:

Traballar por unha cultura permanente na parroquia de Vilachá.
 Traballar a memoria do territorio. Gardar e transmitir os coñecementos das pasadas xeracións ademais de coñecer os actuais.
 Dinamizar a cultura e as habilidades sociais do territorio.
 Implicar á veciñanza na recuperación da historia e a memoria local.
 Reforzar os vínculos entre a veciñanza.
 Valorizar o patrimonio material e inmaterial da parroquia e a súa comunidade.
 Difundir e contaxiar esta valorización a outros lugares.
 Vincular a asociación RuralC ao territorio.

Na prensa: