A madeira

Das árbores sacabamos madeira e leña, que daba calor para a casa e para a cociña, daba para os mobles da casa, e daba até os ataúdes.

Cando fixeron a casa trouxeron as vigas de castiñeiros dos soutos das fragas. As vigas dobradas que hai no faiado. Aínda as volveron usar cando tellaron de novo hai uns anos.

Teu bisavó era serrador, serrador de man se chamaban. Traballaban alí embaixo nas fragas. Aí serrábanse as árbores, facían vigas e táboas. Sacábanse ao lombo fragas arriba, e despois coas vacas e con carros traíanas. Como agora van de grandes para as bateas, antes viñan así en carros. Levaban un leito porque se non arrastraban, e non podía arrastrar nin de detrás nin de diante. De diante tiña que levantar, que metían as vacas debaixo e pasaban as vigas por diante delas.

Para sacaren as táboas facían unha fosa, sacaban a terra, e deixaban unha parte máis alta, de metro ou metro e pico. Aí poñíanse unhas vigas cortas, e sobre esas vigas poñíase a peza que querían serrar. Usaban un tronzón que tiña dúas asas, e tiraba un por un lado e outro polo outro. Nesa fosa un poñíase debaixo e outro derriba, entón, rin, rin, rin, rin, e así sacaban as táboas e facían as vigas e moitos traballos. A fosa de cando fixeron a vosa casa estaba onde vai o camiño para as Fontiñas.

A hucha que hai no faiado fíxoa tamén teu avó, e as cadeiras cativas que hai na bodega, e as outras con patas de toxo, e moitas outras mesas e mobles que fixo para outras casas da parroquia. Os mangos destas ferramentas, martelos, sachos, fíxoas el tamén, e moitas outras cousas que foron acabando.

Cando eu era cativo había piñeiros, non había eucalipto, algún morteiro disperso había no convento. Aquí en Vilachá había na parte de aí da Gafa do Galbán, detrás da Nabeira. Son os primeiros que recordo.

A finais dos 60 e principios dos 70 comezamos coas plantacións de eucalipto. Precisamente empezouse a plantar sempre nos mellores sitios, nos fondais dos prados e das leiras, nas beiras dos regatos. Ao mesmo tempo era onde pastaba o gando que andaba solto.

Cando se quixo aumentar a plantación de eucalipto entrou o bicho que disque veu de Portugal. O gurgullo. A xente aburriuse de plantalo e non deu nada. Eu tamén gastei os cartos en varias fincas e ao final non conseguín nada. A plantación que temos agora é moi recente, será do 2000 ou despois aínda. A partires de aí houbo plantacións a feito xa, e iso xa foi do eucalipto de agora, o que non filla, porque o eucalipto de aquí cortábase a afillaba, non tiñas falta de plantalo, era o que tiña.

 

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s