A froita

froita1.png

  As froiteiras foron sempre ben apreciadas. Tiñamos controladas as árbores do redor todo, só nos faltaba poñerlles nomes propios, que algunhas xa o tiñan.

Un amigo conta que os nosos antepasados sobreviviron grazas ás landras dos carballos, cando non había que comer. Tamén en tempos pasados comían moitas castañas, antes de teren patacas ou se había poucas. Tomábanas no caldo, ou cun leite e unha pouca nébeda, ou cocidas con fiúncho.

A froita da casa comíase ou vendíase. Cada casa procuraba ter árbores con boas variedades. Cando saiamos da parroquia andabamos probando froita das árbores, polos camiños, e cando atopabamos unha rica, se era no tempo, pillabamos unha póla para facermos enxertos. Faciamos enxertos de todo. Eu enxertaba vimbias. Os salgueiros cortábalos no inverno, e no verán podábaslles os xenos que botaban. Collía unha vimbia, quitáballe a pela e metíaa no furado aquel. Logo envolviámolo cun barro roibo.

Para as pereiras e as maceiras usabamos espiños. O espiño que é para enxertar as pereiras é negro por fóra e ten espiñas. O que é de maceira xa é moito máis clariño. Os espiños de maceira brava traíanse da fraga, e chamábanlles camelos. Teñen a folla máis ancha e non teñen espiñas, xa se ve que é un espiño moito máis sensible, máis fino. Eran máis difíciles de atopar. Ías á fraga cun ligón, un sacho estreito e pesado para cavar no monte, e sacabas os arbustiños. Logo transplantábalos na casa, e deixábalos un ano para que collesen vigor e daquela facías o enxerto.

No Campo nos anos 70 había unha maceira que tiña varias variedades enxertadas coas súas distintas floracións na mesma árbore. Había moitas variedades de mazás, como príncipe, tres en cunca, camoesa, ou repinaldo.

pero-IMG_2920

Logo había outras variedades de maceiras que daban os peros. Os peros baioneses eran moi bos. Eran unhas mazás así un pouco aguzadas na parte baixa, dociñas, sabían a gloria. No Piñeiro do Medio había un pereiro, que xa morreu, que daba peros brancos por fóra e por dentro, e alí na esquina había outro que os daba escuros por fóra.

As mazás aguantaban todo o inverno, se as gardabas ben estirábanse moito. Unha vez meu tío subiuse nunha pala para coller as mazás dunha árbore da fonte. Levabámolas para casa, subiámolas para o faiado, e poñiámolas con palla. Con variedades distintas, case podías chegar a ter mazás todo o ano.

Durante uns anos tiñamos tantas tantísimas que as colliamos en sacos e miña avoa vendíaas para sidra.

Das pereiras, acordo moito unha pera rabuda no Piñeiro de Baixo, a pereira era tan gorda que non a abrazabas. Na Fonte da Vila había unhas pereiras xigantes, tamén peras rabudas. Tiñamos alí unha leira, e eu poñíame coma un bolo, e aínda nos daban unha bolsa delas para levarmos para casa. Tamén as había bravas máis para aquí. En Abercovo tiñan peras urracas e de manteiga, e despois unhas ás que chamaban bolsas de auga.

Cerdeiras había por toda Vilachá, de comer e bravas. Os paxaros non daban comido todas as cereixas. Agora non hai quen as cate. Nunha casa no Piñeiro tiñan dúas cerdeiras, unha era brava e a outra era moi boa para comer, eran grandes e doces. Cando eramos cativos e pasabamos co carro parabamos a falar coas veciñas do lugar, que nos deixaban comelas. Nós tiñamos unha cerdeira das que chamaban Coruñesas. Daba unhas cereixas como bugallos, xa non as deixabamos madurar, estabamos nós máis pendentes delas que dios.

Logo acordo os níxaros negros, as ameixas negras, as claudias brancas, as claudias largas máis ben verdosas. Pexegueiros, laranxeiras, limoeiros, nogueiras, de todo iso había e algo aínda hai.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s