O peixe

peixe-img_2654.png  Antes o peixe non viña na furgoneta co frío e metido no xeo como agora. Fáloche de cando o peixe viña a pé até a aldea, que non había coches.

O peixe viña dentro dunha paxeta grande, traíano a pé a Manola, a Francisca e a Milagros dende Pontedeume. Viñan cargadas coas paxetas cheas na cabeza. Algunhas viñan en zocas, ou mesmo descalciñas pola carreteira arriba, e cando chegaban ao camiño poñíanse as zapatillas.

A maioría das veces, como non había diñeiro na casa, pagábanlles o peixe con ovos, ou maínzo ou patacas. Viñan cargadas e cargadas volvían de volta. Traían parrochas, xurelos e sardiñas frescas. Moitas veces o peixe viña envolto en sal.

Se viña sen salgar, fritíamos o peixe en graxa ou en aceite. Tamén se asaba nas brasas ao lume ou nun braseiro. O peixe que viña salgado cocíase ou facíase en guiso. Eu comíao medio cru, salgado de dous o tres días era como máis me gustaba.

 

 

Deixar un comentario