As troitas

pesca1.png

Tiña que facer mal tempo pero non moito. A río revolto ganancia de pescadores. Eu baixaba moitos días de orballada. Había moitos sitios bos, moitos regachos, como o que vai dende Goente á ponte do Piñeiro ou o que parte das Curveiras. Por Prada tamén había un regacho ao que chamabamos o río das Mestas.

A auga estaba clariña. Levaba moitas troitas. Habíanas en cada volta. Moitas pequeniñas, e as máis grandes que tiñas que pelexalas un pouco.

De cativos ás veces colliamolas sen cana. Viamos os tramos nos que se metían, e poñiamos pedras nun lado mais no outro. E coas mans as atrapabamos, quedábanse quietas, non se movían, había que agarralas ben para que non escaparan.

Tamén faciamos as nosas canas, cunha tanza amarrada na punta dunha canaveira. A tanza tiña a lonxitude da cana ou un pouco menor, ás veces metiámoslle unha chumbada. Pescabamos con grilos, saltóns, miñocas, co cebo que apañabamos. Colliamos troita de prado, que se alimenta dos saltóns de verán. Moi aromáticas, moito sabían.

Un día que non tiña cebo, eu era un chaval, vin unha muller nunha leira e pregunteille non terá cebo por aí?, e díxome rindo, ai neniño, toma un raño.

Daquela foi cando coñecín a miña sogra. Fun ao río ás troitas, e aínda collín un cesto ben delas, e puiden levarlle unhas poucas.

Algunha vez téñome metido no río buscar unha troita no mes de marzo ou abril, cando a auga está fría coma o demo. Xa tiña a troita cravada, mais quedou presa nunha raíz, así que saquei a roupa e metinme a collela.

Algúns despistábanse das vacas por andaren ás troitas. Unha vez meu primo fora á chousa, e moito tardaba. Miña nai mandoume buscalo e chamar as vacas. Foi chegar ao fondal e velo vir polo río abaixo ca auga polo peito, e cunha troita pequena na man. Mira ti, e non viña cantando?!

  Polo río abaixo vai

  unha troita de pé,

  corre que te corre vai,

  quen a puidera coller,

  quen a puidera coller,

  quen a puidera pillar.

  Polo río abaixo vai

  unha troita de pé.

E agora poucas troitas ves. Meu veciño bótalle a culpa ás plantacións de eucaliptos nas beiras e nos cursos altos dos ríos. Disque as troitas xa non conseguen subir, que antes si que conseguían, pero que os cursos altos do río xa non teñen auga e teñen pouca vida.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s