Os bidóns do leite

bidos  Ao principio non se vendía o leite, que todo se facía en queixo, porque había moi pouquiño. Eran queixos para venderes, que non os comías, porque daquela vendíase todo. Comías algún queixo para as festas e algún regalábalo, ou levábalo cando as visitas.

  Cando vin para aquí había catro vacas e unha pucha, e miña sogra facía dous queixos á noite e dous pola mañá. Os queixos requirían cinco ou seis litros. Despois do que muxías, sacabas o leite para comermos, almorzabamos con el, comiámolo ao mediodía atrás da comida, e quedarían dez ou doce litros para vender.

Eran todas vacas do país. Sería polos 70 cando empezaron a vir de fóra.

Polos anos 40 en Vilachá había moitas leiterías. Haberá sesenta anos que cerrou a leitería do Candedo. Alí esterilizaban e pasteurizaban o leite, facían as analíticas. O leite metíano no coche que ía para a cidade. Algún leite ía en bidón e outro ía envasado en botelliñas de cristal de medio litro e en caixas de madeira con separadores. Logo xa pasaban a recollelo cun camión.

  Algunhas mulleres da parroquia carretaban o leite na cabeza, en bidóns de trinta ou por aí de litros. Ían xuntando o leite todo dos veciños e víñano traer á leitería do Candedo pola mañá.

  Polos anos sesenta viñan tamén varios homes, un do Cotillón, e outro de Torres, e viñan en burro con bidóns. Collían o leite en varias casas e levábano ás Lamelas. Cando aumentaron ían cunha mula e cun carro cos bidóns dentro. Logo alí nas Lamelas viña o camión por el. Pasaban todos os días. Tamén houbo un tempo no que viña un rapaz de Grandal nun tractor e cun remolque cos bidóns atados, e levábanos un pouco leite, e despois o resto aínda o faciamos en queixo.

Disque as leiterías quebrounas o goberno franquista. Naceu Leyma, e acabáronse as pequenas.

Agora temos unhas 12 granxas de vacas en Vilachá, algunha é de carne pero a maioría son de leite.

 

 

Deixar un comentario