Daquela era todo artesanal, non había peluqueiras nin que gastar, e que facías?, do cable da luz facíamos o couso para o moño.
Sabes que cando poñen a luz sempre cortan cachos?, pois eu aproveitábaos. Eu e moitas máis que non era eu soa. Eran como un arame por dentro cunha tea por fóra. Dobraba o cacho pola metade, tiña que ser o suficiente tamaño para recoller o pelo, e daquela envolvíao todo e facíame aquí unha zaracucha. Tíñalo que dobrar, enrolalo, dobrar e cerrar, e para que non se vise a unión envolvelo para atrás. E logo unha cinta co lazo detrás para disimulares aínda máis o cable. E ías máis guapa que unha flor.