A radio axudounos a que as noticias e o mundo exterior chegasen até a parroquia.
A primeira radio que chegou á Nabeira sería polo 1952. Era un aparato grande con válvulas, e puxémola na cociña nun moble que fixo a posta meu pai.
Lembro que meu irmán escoitaba a Pirenaica, así coa orella pegada ao aparato, moi baixiño. Ás veces non a pillabas, tiña a frecuencia moi fina, non podías mover moito a agulla. Era unha emisora clandestina do Partido Comunista que estivo prohibida en España. Nunca se sabía dende onde emitían, había quen dicía que era dende Rusia e outros dende Andorra. O certo é que emitía dende Moscú e logo dende Bucarest.
Coas primeiras radios xuntabámonos toda a veciñanza nunha casa. Había un programa musical, Noite de estrellas ou calquera outra cousa así. Eu ficaba encima dun chineiro mirando fixamente a radio, quedaba hipnotizado. Os demais cativos preguntaban, que estas mirando?, e eu dicíalles aquí estou ben, estou vendo como están bailando.
Logo había un home no Vilariño que facía radios, as montabaas el e ademais facíachas máis amañadas de prezo. Fixo unha para nós.
Até a chegada da radio non había música gravada que escoitar nas casas, así que con aquilo aprendiamos cancións e imaxinabamos outros mundos e vidas fóra da parroquia. Miña nai ensinoume a bailar coa música da radio na cociña.
A Frecuencia Modulada chegaría un pouco despois, ben entrados os anos 60. Foi cando apareceron os transistores. A radio fíxose persoal e móbil. Xa era máis pequena, poñíaslle pilas que comprabas no Cruceiro, e levábala de acó para aló. Lémbrome do meu pai ir con ela no tractor, de poñer música mentres recolliamos as patacas na leira, e da miña irmá cantando coma un xílgaro a do Emigrante de Antonio Molina, mentres se poñía guapa para ir ao baile.