As abellas non entenden de lugares, parroquias ou fronteiras, sempre andaron por Vilachá, nun ou noutro sitio, van e veñen. Van buscar a vida tamén.

Miña tía viu unha bosta de vaca nunha póla dun piñeiro e pensou que fai unha bosta de vaca na árbore? como foi parar aí?
Meu avó unha vez, alí na pasteira das vacas, díxome ven que te vou ensinar un bicho moi raro, que nunca viches un bicho deses. Eu fun atrás del. E aí, non moi alto, había algo así como un bicho escuro pendurado cunha forma moi rara.
Eu mesma unha vez mirei para unha maceira e pensei que había un buxato pendurado cara abaixo.
Ver un enxame pousado nunha póla é unha cousa estraña para os sentidos, á primeira vista non comprendes moi ben o que ves.

O primeiro documento escrito onde aparece algunha referencia ás abellas na nosa parroquia é na Relación de Facenda do Mosteiro de Monfero, de 1736 -1738, onde referencia as libras de cera que había que pagar ao convento.

No Catastro de Ensenada, que en Vilachá recolleu a información no ano 1752, aparece que na parroquia había 89 colmeas. Moitas tendo en conta que había 69 casas habitables e 78 veciños. Usábase a cera, digo eu que para faceren as velas, e quen sabe para que máis. O mel era unha medicina.


Cando eu era cativo tiñan abellas en moitas casas de Vilachá. Xa nos teñen picado vindo da escola polo Piñeiro de Baixo. Na primavera vías pasar os enxames, e saían os vellos cunha pota e unha pedra, e a golpeaban dicindo pousa, pousa, pousa, e ás veces se ían baixos pousaban. Cando as abellas están enxameando non atacan ás persoas, son dóciles e da moito gusto velas.
O eucalipto de aquí floreaba como os nabos, a súa flor viña na primavera, e era cando as abellas viñan a tope. Agora cortan antes de que saque a flor. As abellas viñan cargadas de polen, pousábanse na piqueira, e descansaban un pouco, porque quen sabe de onde viñan, ademais de tanta altura que collían, e descansaban e pssschin! e xa se colaban para dentro, e ao pouco poussschín! xa saían outra vez e viñan cargadas do que apañaban polas flores dos nabos e doutras moitas. Por iso o mel era moi clariño. Fai pouco volvín ver un mel así de aquí e chamoume moito a atención. A onde van eses bichos para faceren o mel que se facía daquela? É unha incógnita que teño aínda sen aclarar, porque a masa do eucalipto, que xa nin flor bota, está acabando co medio natural que había, que eran as carpazas, os toxos e as carqueixas, e todo iso botaba flor e a aproveitaban as abellas.
Na casa tiñamos os covos de castiñeiro, que ás veces eran formados de dúas partes da cortiza e por dentro tiñan unhas varas cruzadas para que as abellas construísen os panais. Logo comezamos a facer as nosas caixas de madeira, que por dentro eran como os covos pero cadradas.
Daquela non había traxes, a pillar os enxames iamos a pelo, colliámolos coas mans. Para catar había xa algún home que viña preparado e ía catando o mel nalgunhas casas da parroquia.
O meu avó non cataba, sacaba a tapa de arriba e quitáballe un cachiño. Quitáballes un chiste de mel! Cando a espremía non daba nin un vaso, era máis ben por probala e ter para remedios. Gustáballe telas, e sempre dicía que eran boas para a horta e a froita.
Cos meus pais viña o padriño catar. Faciamos o lume nunha pota vella, con palla e cuns carolos do maínzo. E logo tombabamos os covos, un a un, e iamos sacando o que podiamos, tentado non estragar a cría. Non era como agora, se sacabas un quilo dunha colmea xa era moito.

Xa nos anos 60 un veciño trouxo a primeira colmea Langstroth, e na seguinte tempada sacoulle case quince quilos de mel a un só enxame. Algúns veciños fomos velo, pois aquela cantidade era o mel que sacabamos no lugar todo.
Logo, veu unha época na que non as atendiamos nada, e un ano veu moita neve e morreron.
Na casa o mel usábase coma unha medicina. Se non tiñan os veciños, había que ir por ela á feira da Viña, que viña en pucheiros de barro, pequenos, tapados con papel e unha goma. No Nadal era cando meus pais adoitaban ir comprar un daqueles pucheiros de mel.