A piscina

piscina IMG_2672Cando eu era cativa iamos até a piscina de Monfero. Eu ía moito coa miña prima, pero outras veces iamos toda a rapazada do lugar. Colliamos as bicis ou ben iamos andando por Nebras e despois polo monte. De camiño apañabamos unhas mazás ou uns abruños e bebiamos auga da fonte do Carballo.

A piscina tiña moi pouco sitio e moita xente. Xa cando chegabas vías moitas bicicletas aparcadas. Nunca houbo que pagar por entrar. Ás veces non daba o sitio nin para estirarmos a toalla, e quedabamos sentadas nas escaleiras. Eu collía as moras dunhas silvas que había na entrada. Había moitos tabáns, e trabábanche.

Agás nun lado, a piscina tiña moita profundidade, e sempre había rapaces que se tiraban de cabeza dende os piares do muro.

Preto da piscina vella está agora a nova, podes ver unha dende a outra.

A nova éche moito mellor. As miñas sobriñas están contentísimas. Van no autobús que recolle a toda a rapazada de Monfero e Irixoa, e pasan as tardes do verán alí. Eu vou ás veces antes de comer, a última hora da mañá.

Gozo máis da piscina agora que cando era cativa.

 

 

 

Deixar un comentario