O ponche

  En cada casa facían o ponche ao seu xeito, como remedio para cando estabas constipado ou malo. Estas son as receitas dalgunhas casas da parroquia.

En Goente facíao miña avoa para a gripe e os arrefriados. Levaba leite, unha xema do ovo, unha cullerada de mel, coñac ou viño doce, e coido que lle botaba algo de café. Era para tomalo na cama, ben quente. Non sei se faría ben. Saber sabíanos moito.

En Portocobo facíase con pingo, mel e leite. E rara vez con coñac.

No Candedo, meu avó tomaba ponche de xema de ovo con Sansón, que era un viño doce. Collías unha cunca ou media cunca de leite quente, batíaslle a xema do ovo e botábaslle unha copiña de Sansón. Ás veces, tomábase sen o leite.

No Piñeiro, miña tía collía un limón enteiro da casa, apertábao así un pouco para que abrandase, e cortábao en pedazos. Botábao a cocer na auga, e cocíao ben, e logo deixábao repousar. Despois coábao e botáballe mel. Tomábao ben quente.

1 Comment

  1. A miña avoa Vicenta, de Rianxo, facía o ponche mesturando leite ben quente case que fervido, unha xema de ovo, un chorrete de caña e unha ou dúas boas culleradas de mel. Estaba delicioso, e ela dicía que así “sudabas a febre” e te poñías coma un touro en menos de nada!

    Moi interesante o artigo, grazas por compartilo.

    Gústame

Deixar un comentario