A voda e a lama

voda IMG_2628

O 20 de decembro de 1958 comezouse a facer a pista dende o Casal de Riba até o Cruceiro. Lémbroo moi ben, porque ese foi o día que casei.

A voda celebrábase na casa. Ese día veu unha muller que andaba facendo de comer polas casas a axudar a mama coa comida. A voda foi ás doce e media. Cando saín da casa, estaban traballando no camiño algúns veciños que andaban traballando ao xornal. Empezaron mesmo ese día a facer a carreteira. Xa fixeran para facela nos tempos de posguerra, e era camiño ancho, pero todo era barro, todo era lama e auga. E que había ser, lama!

Fomos á igrexa camiñando. Mira, lama, lama e máis lama. Aínda así eu ía cos zapatos novos, de pedra en pedra. Comprámolos en Brandariz, que era unha moi boa zapatería de Betanzos. Probeinos, e gustáronme, pero facíame falta un número máis. Pero enganáronse e metéronme na caixa un número menos. E apertábanme, pero ía como se nada. E que remedio quedaba, non pensaba unha nos pés.

 

 

 

Deixar un comentario