A praia

  Eu tiven a sorte de ir algunhas veces á praia cando era cativa. Foi durante algúns anos. A primeira vez sería polo ano 1933 ou 1934, e foi porque padecía dos oídos. Foi un médico quen lles recomendou aos meus pais que fose ao mar, e levábame unha tía que era a miña madriña.

Daquela non iamos a praia de aló, á grande, que iamos á da Ribeira. A miña madriña tamén se bañaba. Ela prefería ir á pequena porque na grande había homes e non lle gustaba que mirasen para ela. Había alí menos xente, e por iso bañábaste ben, a auga estaba moi limpiña. A xente dicía que na Ribeira a auga era moi sa e tiña máis sal ca outra, se cadra era verdade.

Iamos e volviamos andando. Tiñamos unha amistade, unha familia, que eran unha muller soa e un home que estaba na mar. Daban moitas durmidas, e tiñan unha palleira con camas de palla ou como se podía. Durmían igual ao carón.

Daquela levabamos patacas, pan e algunhas cousas. Durmíamos nunha camiña cativa miña madriña mais eu, e botabamos alí dez días, bañándonos, cociñando e falando coa xente. Pasábalo ben, ás noites, a casa era grande, había xente. Daquela non había televisión nin había nada, xuntábanse entorno a un lume e contaban as mil historias ou cantaban cancións.

Despois viñan eles tamén aquí a Vilachá, así no verán, ás cereixas, ás guindas, ás mazás, á froita. Eles vivían na vila e non tiñan moita froita, así que viñan e levaban algunha.

Estivemos moitos anos tendo aquela amistade.

 

 

 

Deixar un comentario