A luz

luz.png  Cando veu a luz algúns pensaban que era como a auga, que costa arriba non subía. Aquilo era unha cousa nova. Eu tería seis ou oito anos, foi sobre o ano 1946, porque no 1945 casou miña tía e non había luz aínda.

Nunca tal víramos! A primeira luz eléctrica duraba dúas ou tres horas. Eu acórdome que dicían ai que facer as cousas, que logo se ha de ir a luz. E había que aproveitar aquelas horas de luz. Imaxínate no inverno sen luz nin nada, pero no verán aínda era peor, pois tiñan que repartir a auga entres os prados e os muíños.

Eran dúas as pequenas centrais hidroeléctricas que comezaron a traer a luz a Vilachá. A do Gallego no río Vilariño, e a do Pandel no Andoriña, xa no Porto. A luz do Pandel seica chegaba até as Lamelas, todo polo Camiño Real.

Para traer a luz ás casas había que tirar cable e ir poñendo os postes. Adoitaban ser de castiñeiros. Pelábanos e íanos conservando por se rompía algún e había que repoñelo.

  Ao facer a central no río prexudicaron a algúns muíños, que deixaron de ter caudal. Disque chegaron a un acordo e puxéronlles unha bombilla gratis a cada casa prexudicada.

  Aquilo acabou cando empezaron a facer os pantanos e comezou o monopolio dalgunhas poucas empresas.

O outro día lin na prensa que non sei onde recuperaron unha central hidroeléctrica dunha parroquia e que a volveron a poñer a andar para dar luz á veciñanza.

 

 

Deixar un comentario