A bicicleta ampliou o noso radio de acción. A primeira que houbo na casa foi no ano 48.
Usábaa meu tío, que foi zapateiro aquí en Vilachá. Collíaa e ía até Ferrol. Despois de chegar a Limodre era todo para abaixo, tiña que ir até Maniños, até o Seixo, e despois pasaba na lancha, que daquela non había a Ponte das Pías. Logo andaba todo Ferrol de bicicleta, e despois volvía até Vilachá cruzando de volta coa lancha, e traía o material dos zapatos, as solas, os topes e os tacóns.
Eu fun aprendendo a andar en bicicleta, quedábame un pouco grande, pero en canto puiden e me deixaron, fun a todos os sitios.
Á hora da sesta, cando os maiores durmían, escapaba coas miñas primas e subiamos até o Castelo, ao Convento, ou a descubrir novos lugares.
Foi grazas á bicicleta que empecei a interesarme pola mecánica. Comecei a ir traballar de aprendiz ao Xestal, onde estaban os coches do Rápido. E daquela, antes de volver a casa, gustábame ir pasar o límite do concello facendo equilibrios coa bicicleta por riba da beira da ponte.