Os petróglifos de Vilachá

petroglifo edreiros

Temos un veciño das Curveiras que no Nadal lévanos a ver petróglifos. Xa levamos tres anos indo, así que estase a converter nunha tradición.

Outros anos fomos ver os do Monte Grande en Vilarmaior, que agora están sinalados. Pero a vez que mellor o pasamos foi cando fomos descubrir algúns da nosa parroquia. Ninguén nos tiña contado! Escoitei dicir que noutras partes de Galicia os petróglifos son un patrimonio moi respectado. Aquí non sabemos nin onde están.

Resulta que o noso veciño nos avisou, e mandou polo whatsapp un pdf do nº 39 do Anuario Brigantino 2016, onde hai un artigo no que presentan os gravados prehistóricos e históricos do concello de Monfero.

Pola tarde estivemos mirando os mapas que aparecen no artigo, onde sae a situación dos gravados da parroquia de Santa María de Vilachá. Démonos conta que as coordenadas que marcaban eran UTM, así que acabamos superpoñendo mapas e seguindo o debuxo das carreteiras até dar co lugar onde podía estar algún dos petróglifos.

Xa ao caer a noitiña fomos buscalos. Iamos en comitiva, coa cativaría, nenos e nenas con focos, andando en fila india, á procura deses gravados emblemáticos.

Xa baixando para Abercovo, na altura que tiñamos estimado, entramos para o monte. Cara ao val víase o último sol caendo polo mar aló embaixo. Paramos un pouco e estivemos a imaxinar como sería o lugar na época na que se facían os petróglifos. Contaban que nos tempos dos nosos avós lle chamaban puzas ás cazoletas. Daquela, non había tantas árbores naquel lugar, e viñan até o Penedo Redondo coas vacas. Antes víase o mar dende aí, así que sempre foi un sitio privilexiado, e na prehistoria puido ser un lugar onde facían reunións ou festas. E quen sabe o porqué, acababan furando nas rochas!

Entre conversas e grupiños a comitiva seguía avanzando polo monte até que a avanzadilla atopou o petróglifo de Edreiros. Unha impresionante rocha que parte un valado e está chea de gravados e cazoletas prehistóricas.

Pasada a primeira emoción do descubrimento inicial, e coa cativaría xa máis calmada, rodeamos a enorme pedra. Caeu a noite, e apuntabamos cos focos a rocha, e ían definíndose as formas e os debuxos. Abriuse entón a rolda de preguntas recorrentes diante dun petróglifo, as cativas preguntaban que para que servían estes deseños, e cada quen daba a súa teoría e explicación. Uns dicían que os facían como unha forma de comunicarse, para contaren algo, outros que foran uns feirantes celtas ou mouros que andaban polo lugar, outros que tiñan que ver con rituais místico máxicos, ou co resultado dunha festa, e había quen dicía que era unha distracción ou entretemento. E Volkan, o noso amigo pintor turco que tamén estaba na comitiva, dicía que o facían sen saber moi ben por que, como unha necesidade de comunicar algo. Claramente sentíase moi identificado con aquela xente.

petroglifo IMG_2738

petroglifo 10 IMG_1961
Petróglifo O Curvo 3

Podes ver a localización dos petróglifos de Vilachá no MAPA.

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s