As garulas son as castañas secas e sen casca.
Antes apañábanse as castañas nos soutos das fragas. Apañabas as que xa se soltaran do ourizo, e os ourizos que non abriran collíalos cunhas colledoiras feitas con varas de carballo, e levábalos en paxes ás corripas. Aínda podes ver moitas corripas medio desfeitas polas fragas adiante. Alí ías botándoos, e logo cando a corripa estaba chea, tapabas con fieitos, follas e cousas así.
A madriña dicía que cando o sol baixaba tras do monte, era o momento de subir e volver para casa. Daquela sabían exactamente o número de curvas que había até a subida. Eu xa non me lembro. Quen lembra as curvas que hai, e quen se para agora a contalas!
Pasados uns vinte días, volvías ao souto polas castañas que quedaran nas corripas. Destapabas a corripa, e as que non saíran do ourizo golpeabalas co petelo para soltalas. Metíalas en sacos e cargábalas para casa.
As castañas que non se comían axiña secábanse no caínzo, un paxe plano entrelazado feito de varas de castaño, que estaba nas lareiras. Aínda os podes ves por aí. Aí secaban e deste xeito podías conservalas todo o ano.
Logo para faceres o caldo, calquera día sacabas as garulas e botábalas a cocer cunhas fabas. Carne non levaba. E logo botábaslle un refrito.
O que pasou coas nosas fragas ninguén o sabe ben. Antes tiñamos os soutos ben limpos. Agora forman parte do parque natural. Vai ver como están.