Mulleres labregas

muller-labrega-img_26691.png  Cando comezabas a facerte muller tiñas vergoña de bañarte no río cos amigos e veciños cos que sempre xogaras. Xa non eras unha cativa, así que deixabas de ir con todos á presa. Os rapaces ían polo seu lado e nós polo noso.

Cando eramos novas, papá deixábanos ir ás festas se iamos cun neno ou home coñecido. Así que aprendín que para poder ir á festa coas miñas amigas, se non viña ningún rapaz, tiña que levar ao meu irmán que aínda que era catro anos máis pequeno, meu pai quedaba máis tranquilo porque viña un homiño con nós.

Os rapaces só por ser homes podían saír sendo máis novos, e deixábanlles vir máis tarde e facer máis cousas.

  Nunca tiven medo. Nin por ser noite, nin por ir ou vir polo monte. Antes camiñábase moito, os camiños e os montes estaban limpos e e as leiras traballadas.

  En canto comezabas a bailar e a quedar moito co mesmo rapaz, xa case tiñas que ir preparando a roupa e o enxoval, unha ducia de xogos de sabas cos seus reberetes cosidos ou con bordados de vainica. Isto foi até non fai tanto, até os anos 60 polo menos. Logo casabas e a túa vida dependía moito de como fose e do que fixera teu home.

Antigamente unha muller non tiña dereito a ter carro, nin arado. Se non había un home na casa non podía telo. Isto foi un problema cando os homes marcharon para as Américas e quedaron moitas mulleres soas. Eles viñan cada varios anos, de visita, pero pouco traían, e aquí a vida cotiá para as mulleres era moi dura.

Houbo un tempo no que as propiedades das mulleres eran xestionadas polos homes, e estes podían vendelas, trocalas ou xogalas. Había homes que bebían e xogaban moito ás cartas nas tabernas. E se non había taberna, como en Abercovo, xuntábanse nunha casa cun auga fervida cuns grans de café e unha pouca caña, e mais unhas cartas ou un dominó.

Non sei que teñen as tabernas que están sempre cheas de homes, dicía sempre miña tía. Nas tabernas de aquí e de acolá algúns xogábanse todo e traían as desgracias á casa, perdían as terras, as vacas e os bois.

A miña nai desde nena traballou sempre. Era unha muller moi labrega, ía moito co carro e coas vacas, sachaba, lavaba, facía o caldo, e de 12 anos xa cocía o pan no forno.

A miña tía tamén foi labrega, cavou no monte para sementar o centeo, coidou varias xeracións de sobriños, fiou a la e teceu mantas con trapos. Nunca casou nin falta lle fixo.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s