Historia duns coitelos

coitelo-1-IMG_1582

  Non fai tanto había pequenas forxas nalgunhas casas da parroquia, nas que facían experimentos e arranxaban raños ou ferramentas. Había na Fonte da Vila, no Piñeiro de Baixo, no Regueiro ou en Goente. Tempo atrás hóuboa no Piñeiro do Medio, e seica tamén noutros lugares da parroquia. Antigamente todas as casas mandaban un fillo a ferreiro. Meu avó tamén mandou ao meu tío, que tiña o nariz recurvado, e en vez de aprender facer coitelos e raños fixo un aparato para poñer de noite e endereitar o nariz.

  Os coitelos de diario que usamos na casa foron feitos na parroquia. Teño visto o mesmo modelo noutras casas de Vilachá. Teñen a folla de metal en aceiro inoxidable coa punta redondiña. O mango tamén é redondiño e normalmente de aluminio, aínda que tamén vin algún de madeira. Levan un detalle repetido dúas veces que os fai orixinais.

coitelo2-IMG_1673

Pois facíaos un ferreiro veciño de Goente. El empezou a ser ferreiro facendo un raño e unha picaña. Aprendeu dun tío que tiña en Areas.

Tiña unha mesa e un barquín, e tiña o seu carbón feito de torgo das uces. As uces hainas nos montes, botan unhas flores no mes de marzo ou abril, flores brancas e malvas, unhas dunha maneira e outras doutra.

Por mediación dun rapaz que había en Ferrol, no militare, conseguía o aluminio para os mangos. Aló había uns coitelos que tiraban. Había de dous tipos, uns que non valían para nada e outros que si. Os que tiñan brillo valían, os que metía na auga e se quedaban logo oxidados non valían. Era a esencia que tiñan aqueles coitelos.

  Para facer os mangos tiña un molde cunha terra especial. Enchía as formas do molde cunha masa de aluminio. Cunha abrazadeira o tensaba, prensábao aí en quente e listo. Todos os coitelos tiñan o mesmo adorno, tiña unha serra para facelo.

O metal era aparte. Afiaba as follas, as pulía e as redondeaba. Logo mangaba o coitelo, que o facía a man cun martelo.

  Tamén facía espumadeiras, e un garfo para remexer e bater os ovos, claramente máis que para calquera outra cousa. Tamén son de aceiro inoxidable, mais non teñen debuxo. O garfo ten tres espichos. Pode ser que sexan tan vellos como os famosos coitelos. Empezou a facer experimentos diso, pero logo deixou de facelos.

Facía cousas para vender, e adoitaba ter coitelos feitos para ofrecer como regalo de voda. É por iso que pola parroquia adiante hai ben deles. Os da casa, foron un regalo de voda para os meus pais, así que teñen cincuenta anos.

  Témolos moi ben afiadiños, e tanto valen para cortar un filete de carne, como para estender a manteiga no pan.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s