A visita

  Papá, en paz estea, estaba arando nunha leira. As vacas empezaron a ventear, a ventear, a ventear, e papá aloumiñaba as vacas para calmalas. E dixo vai morrer o tío. Estaba moi maliño o tío, e viñera para aquí, para a casa. E efectivamente, de alí a dous días ou tres, morreu.

  Chamábanlle a visita cando a morte viña visitar á persoa que estaba grave. Papá sempre me contaba, deses contos acórdome ben. Algúns dicían que se lles presentaban unhas luces, e outros que escoitaban pasar unhas campaíñas.

Había quen non vira nin sentira nunca nada, e dicía que as persoas que sentiran a visita, ou tiñan medo da noite, ou estaban enfermas ou tiñan algunha debilidade.

Disque tamén algúns collían campaíñas ou luces e unha saba e tapábanse, e aproveitaban estas cousas para meteren medo e asustaren ás cativas que ían polos camiños. Moitas persoas non deixaban contar estes contos aos nenos e ás nenas.

Contan que había un vello alí nesa casa, e había tres mouchos ao pé da casa berrando, un en cada punta. E dixo un, vai morrer alguén. E acabara de morrer o vello. Eu non sei por que ás aves nocturnas antes lles querían mal, pensaban que cando pululaban así aos pés das casas era que ía morrer alguén, era unha manía.

Seica os animais husman a morte. Hai moitos contos diso. Ás veces sucedía que escapaban as vacas correndo ao pasar xunto a unha casa, e dicían que era porque husmaban a morte. Os cans tamén ouvean, e os cans son os que máis miran para a xente. Algún entendemento teñen que ter os animais.

  Unha vez, sendo meu pai neno, andaba chamando nas vacas, traballando. E as vacas comezaron a se remosquearen, e daquela o que estaba arando detrás díxolle a ver cala, deixa as vacas, vente. Colleu ao neno e púxoo nos pés. E sentiu vir un grupiño de ruidiños brrrbrr shss shss, que pasaba por onde eles estaban, alí baixo a cortiña da casa, e que ía para unha casa na que estaba unha persoa gravemente enferma.

  Antes non había pistas, eran carreiros e corredoiras. Por aló embaixo ían os carros e as vacas, e por riba había un carreiro de pé, por onde ías camiñando. Unha vez, un tío meu subiu polo pasadoiro dos Anidos, que era por onde agora vai a pista. Sentiu unha campaíñas e mais un son, unha vibración tin, tin, tin, tin, e chegou aquí e había un señor moi maliño, e dixo,

_ e morrería o tío?,

_ que saibamos non,

_ e, pois vin a visita, polos Anidos arriba.

_ Ai, pois.

El chegou aquí e contouno e foise. Resulta que o tío aínda durou uns poucos días. Quen o contou era un home moi formal, dixo o que veu. Aquí na casa queríanlle ben.

  O padriño tiña un sobriño, e un día estaba co tío, e dixo apártese tío, ai! que vai aí a visita, e daquela sentiu tamén a visita.

neboa

Outra vez, na fonte xunto á corredoira aquela, miña cuñada ía cunha irmá, e viron pasar unha nube negra, que pensaron que era un fume ou unha néboa, e ao vela vir tan dereitiña agacháronse as dúas porque disque se non lles batía na cabeza. A néboa subiu pola aira e cando chegaron á casa acabara mesmo de finar a madriña.

Tamén eu teño sentido a campá, pero sentila talmente, e pensar e logo quen morreu?, e logo preguntarlle aos veciños e non a sentiran.

Eu nunca tiven medo, e teño quedado sola na casa coa nena pequena, e á noite  por veces viña xente coa reposta, como lle chamaban a vir dar o recado. Mais nunca me asustou nada nadiña.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s