A trenza loura do faiado

trenza-99.png

Lémbrome ben que foi o primeiro de xaneiro do ano 2000. A principios do século XXI eu era unha nena, e cando non podía xogar fóra polo mal tempo andaba polo faiado da casa da avoa mirando as huchas.

Unha tarde, decidinme a sacar unhas mantas pesadas e unhas sabas, e por aí embaixo asomaba un saquiño de tea. Saqueino, abrino, e atopei unha trenza loura, áspera e dura, cun olor agradable. Pensei buah! isto ha de ser dalgunha antepasada miña, loura, que cortou a trenza e escondeuna aquí. Ao momento xa estaba subindo miña tía dicinco o demo sabe que andas mirando nesa hucha!! sal de aí agora mesmo.

Tempo despois aprendín que non era o cabelo de ningunha antepasada, era liño trenzado. Recoñecín esa textura de herba amarela, de fibra dura e resistente.

Ás veces abro as huchas, seguen aí no faiado. Xa ninguén pode rifarme e o demo nunca delas soubo nin levou a ninguén. Cando me tocou organizalas tamén había papeis da casa, cambios e compras de leiras, partixas e escrituras antigas. Alí están as mantas de trapos e as sabas feitas polas tecelás que houbo na casa, tamén calcetíns, algún nobelo de liño e algunha roupa.

As sabas baixeiras ben se ve as que son, aínda que non teñan gomas, porque son máis grosas. Chamábanlles sabos, eran feitas só de liño. As sabas de arriba facíanse de algodón, e chamábanlles lenzos. Miña avoa mais a tía ían comprar teas a Pontedeume. Cortaban, cosían, e poñíanlle un reberete para rematalas arriba.

O liño plantábase aquí na casa, e da planta logo sacaban o fío e facían nobelos.

A roupa de liño cando a facían era escura, case marrón clariño, beixe. Despois segundo a ían usando e lavando, e poñendo ao clareo, acababa quedando branquiña de todo.

Eu usaría as sabas de antes porque son preciosas, pero o tamaño non chega para as camas grandes que hai agora. Ben se ve que daquela as camas debían ser máis pequenas. Contábame miña avoa que os colchóns eran feitos de la, da folla do maínzo, ou de pluma fina de galiña que se compraba nas feiras, e que xa logo polos 60 chegaron as espumas esas. As sabas están aquí na hucha vendo pasar os anos, mira que por darlles algún uso aínda fixen dúas fundas con unha delas.

Tamén facían roupa coa la das ovellas. Levaba moito traballo pois tiñan que rapar as ovellas, lavar a la, e poñela a secar estendida por riba das silveiras. Despois tiñan que facer o fío e logo facer os nobelos. En Vilachá había mulleres que ían polas casas fiando e tecendo.

Os calcetíns, carpíns e peúgos sempre eran da mesma cor, só variaban ás veces se as ovellas eran negras.

Mira, estas colchas de trapos tamén as facían na casa, tiñan un tear. Eu agora úsoas para tapar o sofá. Téñolles moita estima.

Logo viñeron as máquinas de coser, toda unha revolución.

Moitas mulleres da parroquia aprenderon costura. Había costureiras que ían facendo arranxos e roupa dunha a outra casa. Algunhas levaban a máquina de coser na cabeza, como a figuriña de Sargadelos que ten mamá no piso de Ferrol. Disque había un xastre na parroquia, e moitas modistas e costureiras que facían corte e roupa a medida por encargo, tamén para outras parroquias. Ademais da roupa a medida, reciclaban ou amañaban roupa. Ensinaban a coser, e algunhas clases as cobraban e outras non, porque eran amigas, parentes ou veciñas, e aprendían axudando. Moitas mozas pasaban o día enteiro aprendendo a coser e volvían á noite.

Logo ves as fotos da época e dáste conta que a xente vestía elegante, e claro, imaxino que tiñan moito aprecio pola súa roupa. Feita a medida ou herdada, había pouca e había que coidala moito.

 

 

1 Comment

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s