A presa

presa-de-rexo1.png

Hoxe penso que xa ninguén se baña nestes ríos de Vilachá, nin sequera no verán, e mira que agora teñen tempo os cativos. Antes tiñamos que traballar, e algúns días cando ía calor, iamos no medio do día a bañarnos. Non parabas moito, pois logo tiñas que ir coller a herba ou sachar, sempre había algo que facer.

Algún sábado ou domingo de verán parabamos máis e iamos á presa de Rexo.

A presa de Rexo está no río do Piñeiro de Baixo, fronte ás primeiras casas, no fondal de todo. Usábase para regar os prados, era ancha e larga, e enchía tanto que daba para nadar e tirarnos de cabeza.

Moito nos temos bañado, aprendiamos a nadar aí. Xuntabámonos toda a xuventude, trinta ou corenta.

Daquela de nenos bañábase todo o mundo en pelotas! Segundo iamos medrando, xa en calzón ou bragas e combinación.

As nenas en canto comezabamos a ser mozas, ter peitos e os primeiros peliños, xa non nos bañabamos na presa. Moitas veces quedabamos mirando aos cativos dende arriba do prado. Antes o camiño ía pegado ás casas e sentabámonos baixo uns carballos moi fermosos que estaban por onde pasa a carreteira agora. Pero non penses que quedabamos de pasmonas mirando aqueles rapaces facendo jaimitadas, nós tiñamos os nosos sitios. Xuntabámonos dúas ou tres, ou catro, sen mozos. Iamos á beira do río, xunto aos prados da casa, nun sitio seguro onde ninguén nos vía, e moitas veces cando os rapaces estaban na presa.

Iamos pola beiriña do prado. No fondal había budios e ameneiros, e unha baixadiña a unha parte do río que facía coma unha bañeira grande e redonda. A auga chegábanos á cadeira, sentabámonos nunhas pedras e así era. Unha de nós tiña que quedar vixiando, iso si, e faciamos a rolda. Non había ninguén que nos fose a facer mal, pero tiñamos vergoña de, eu que sei, de nada.

Imaxinabamos moitas cousas sentadas naquelas pedras naquela auga.

As do Loureiro, o Feal e Goente tamén usaban outra presa pola ponte do Loureiro, tamén profunda. Lémbrome de velas mentres as vacas pacían aí na chousa. As de Portocobo bañábanse na presa do muíño de Gabriel, onde collía a auga o muíño.

Non recordo a última vez que nos bañamos no río.

Nos anos 80 moitas persoas de Vilachá fundaran vida fóra da parroquia, en Ferrol ou na Coruña. Viñan pasar o verán e as fins de semana, pero xa tiñan coche para ir á praia e daquela xa había piscina no Francés. A cativada baixaba até o río preto da casa, mais pouco se bañaban nin tampouco os pais lles deixaban.

Unha vez caeu a nena no río, e ficou tendida cos ollos abertos baixo a auga, e as outras que ían con ela levaron un bo susto. Quixeron agardar aló embaixo a teren a roupa enxoita, mais non o conseguiron. Coitadiñas, chegaron a casa todas molladas e eu berreilles mala chispa vos coma, mala morte vos leve! deixa vir vosa nai!

E quen nunca caeu no río? Unha vez foi o can quen caeu, case morre co frío, era pequeniño e non podía subir, e se non se mete a cativa a por el lévao o río.

Os meus netos din que agora van bañarse aló nas fragas do Eume. Se tivesen o río e as presas limpas, os cativos andarían máis por aquí.

Imaxe relacionada

presa-do-rexo

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s