A paga de Pascua

Despois de comer, chegaba o momento solemne no que a avoa repartía a todos os primos a paga de Pascua. Cada ano, comprobabamos a diferenza que había entre ser afillado ou só neto. Daquela ser madriña ou padriño tiña moita importancia.

Pola Pascua dábanche a paga de Pascua, que eran uns poucos cartos. Dos poucos que apañabas en todo o ano. Facías marabillas con aquela paga. Daba para comprares algo na tenda e aínda podías aforrar unha parte.

Unha vez esquecín levar á escola as notas asinadas. Era o día dun exame final importante, todo o importante que pode ser para unha cativa de nove anos. O mestre mandoume volver a casa pois non me deixaba facer o exame se non traía as notas asinadas. Chovía algo, e cando cheguei a casa, mollada e derreada, a miña nai non daba crédito.

Saín pitando de volta xa coas notas asinadas na carteira, agarrándoas coma se me fose a vida niso. Fun correndo polo camiño abaixo e pasando pola ponte do Loureiro pensei que non chegaba a tempo para facer o exame. Pareime alí mesmo na ponte, mirei ao río uns segundiños, pasaba ben forte, tiña na miña cabeza o mestre, miña nai, todo o meu futuro en xogo, a oportunidade de poder estudar, quen sabe si en Ferrol ou en Santiago.

Parada baixo a choiva, sobre a lousa da ponte, ofrecinlle a miña paga de Pascua á Virxe da Cela. Ela podería axudarme a chegar a tempo e facer o exame. Eses segundiños recórdoos coma se fosen uns minutos, mais non foi tal, que ao momento saín correndo como un raio. Arrinquei a subir a costa, e ao pouco esvarei e caín, e segundo me levantei ofrecinlle a paga do ano seguinte á Virxe. E así ofrecinlle a paga de non sei cantos anos mentres corría até a escola.

Sobra dicir que cheguei a tempo para facer o exame. A Cela dese ano foi a mellor da miña vida.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s