A festa de Vilachá

baile-img_2653.pngA festa de Vilachá facíase nunha leira que había no Cruceiro.

A xente bailaba onde está a carreteira, que era un espazo ancho. Había un palco feito de táboas. Preparaban o palco para taparlle o frío aos músicos. Por detrás facían un armazón, forrábano poñéndolle ramas de xestas. Tapábano por detrás e mais por riba, e se chovía poñíanlle unha lona. O toldo do bar tamén era feito de táboas.

Despois, cando empezou a haber máis tráfico na carreteira, o palco pasou a estar no campo xunto á igrexa, na cortiña de Vázquez, por onde está agora a parada do bus. Aí xa era de cemento. Daquela poñían un toldo xunto ao muro da igrexa.

Antes empezaba a orquestra ás nove ou ás dez e a festa acababa ás dúas como moito.

Na casa era dos acontecementos do ano. Os días de antes preparábase todo para recibir á familia. Xuntabamos varias mesas. Antes era no salón no piso de arriba.

Logo os meus avós desfixeron as cortes, e no sitio fixeron un salón para días como ese, mais apenas lle demos uso. Anos despois, por Santa Lucía empezaron a facer a festa na cociña. Traían outra mesa para os cativos, que sempre nos sentaban aparte. E pola Nosa Señora, se ía calor, fóra baixo o freixo. Chegabamos a ser trinta persoas.

  Ese día viñan as miñas primas de Ferrol e da Coruña, e tamén as de Vilamateo e Ambroa. Pola tarde todo era xogar, ou coller moras, ou o que fose con tal de argallar xuntas. Miñas primas e nós igual soamente nos xuntabamos polas festas, pero as alianzas que faciamos eses días eran indestrutibles. Ao fin da tarde, todo era planear como convencer aos pais delas para que as deixaran quedar a durmir para ir xuntas á festa pola noite.

  A noite da festa era a única na que nos daban máis liberdade para andarmos por aí xogando. Só tiñamos que ir de vez en cando dicir ola aos nosos pais, e logo, ao noso aire. A xente máis moza estaba no adro da igrexa. Eu collía á miña prima da man, e iamos ás escuras pola parte de atrás da igrexa, e alí había xente fumando e ligando. Logo co meu primo subiámonos ao teixo, que daba moi bo estar, e dende alí mirabamos a xente nos toldos.

  E a sesión vermú do día grande! De cativa sempre estreaba roupa nese día. A miña avoa, e as outras veciñas que sempre tiñan que andar de loito por algún parente, ao saír da igrexa non baixaban ao campo, mais quedaban no muro sentadas, falando coa xente que estaba embaixo tomando unha no toldo ou o que fose. Así, podían participar e estar un pouco na festa sen estar metidas no campo ou no toldo, que por costume non era ben visto. A min gustábame quedar con elas no muro. E se vía alguén coñecido, baixaba correndo para pedirlle que viñese saudar ás señoras e á miña avoa, que estaban no muro sentadas.

  Os días despois da festa, iamos ao campo buscar as canas dos foguetes que tiraran, e traíamolas atadas todas na bicicleta. Logo as usabamos de frechas para uns arcos que fixeramos con varas de eucalipto. Colliamos todas, pois até o verán seguinte xa non tiñamos máis.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s